Opinión

Uns mencías

A CITA FOI na Despensa do Saá, á sombra das Torres do Seminario. Ten acceso a unha casa que está no interior da maz. Dixéranme que esa casa pertencera a Enriqueta Otero. A casa parece un ficus apagado pola falta de sol. Era outra alegría cando a habitaba Enriqueta. A señora non era a secretaria da Pasionaria. Os ollos sorríanlle, como á Fashionaria, como chama Federico a Yolanda Díaz. No Parlamento de Santiago falaba como se lle doese a columna. En Madrid xira nunha tómbola de luz e de color. Foi visitar o Papa Francisco. Non dixeron de que falaran. Un cura e unha marxista falan da eternidade.

Gonzalo Roibás citoume os xoves na Taberna de Saa. Invitoume a un viño Ora et Labora, das viñas do sacerdote de Pesqueiras Mario Vázquez Carballo. Os mencías son afroitados de máis. Pídenme unha segunda copa para equilibrar o sabor na boca. Convidaba polo aniversario. "É o primeiro ano dende a miña apostasía". Cando se teñen 71 anos non convén andar tentando á sorte. O único ser superior no que creo é o presidente da República Francesa, pero non vai ser o Demo que o Inferno exista e haxa que beber os mencías quentes. Enrique, enxeñeiro e clarinetista, sumouse á mesa. Inventaba máquinas de leite que vendía aos soviéticos. "Eran todo soberbia". O meu irmán Mikel conta que che fan beber tres vodkas para empezan a negociar.

O meu bisavó Francisco foi prudente. Cando estaba recibindo a extrema unción pediu unha botella de La Veuve Cliquot para brindar. Unha parte da familia materna cantaba as mañás do Rei David porque celebraba con champán que subiría nunha escaleira mecánica ao Ceo; outra, maledicente, denunciaba que o brinde era pola apostasía da familia. "Deixaba unha viúva con doce fillos", disparou o meu tío Pedro nun pacífico xantar de Nadal.