Opinión

Unha vida madrileña

VOLVÍA DE comprar unhas mazás do Mercado pola Rúa Nova. O ano pasado, cando aínda respiraba, arrimaba a bolsa das reinetas ao corpo. Son ben olorosas. Como debo levar máscara atendo máis aos peóns e menos ao recendo. Había dous anos que non atopaba a Manolo Sicart. Falamos de temas espontáneos. Está vacinado, non puido coñecer en persoa a neta, hai vinte anos que non fai unha viaxe astral, reencontrouse por internet cunha exmuller que vive en Australia. Da miña bolsa colgaban catro quilos de mazás. Pesaban con tal gravidade que me fixeron acordar da mentira da mazaira que contou Newton. Aprendo tanto escoitando o meu amigo que deixei que falase durante case unha hora. Está esgotando a  setentena, pero viviu tantas experiencias que parece unha vida madrileña.

Non hai día en que Isabel Díaz Ayuso non nos regale unha frase inspiracional desas que les no calendario. Eu úsoas para desenvolver un sistema filosófico de camiño á froitería de Mar. "Vivir a la madrileña es cambiar de pareja y no volver a encontrártela". Puro Erich Fromm. Unha exmuller de Sicart atopouno polas redes sociais e Manolo estaba agradecido porque é un sabio. "O único erro que podes cometer co teu pasado é namorar del". Isabel III ten unha opinión tan negativa do desamor que teme que lle cause unha infección cardíaca.

Vivir á madrileña é coma comprar en Ikea, tes un catálogo de marabillas esperando a que as montes. O problema é que sempre sobra unha peza, un desamor, que impide artellar o conxunto. Pero ata diso podes prescindir. Vivir en Madrid permite tomar cañas, ir a teatros, coñecer xente compartindo piso e aliviar o corazón partido cun amor do trinque. Por iso, ata a Cibeles sae disparada no seu carro en canto xunta tres días libres.

Comentarios