miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Unha mula

CELEBRAMOS A asemblea anual na casa. Foi telemática. Obedecemos ao conselleiro Comesaña. Viaxaremos aos Alpes. A miña muller é a Dama de Ferro das ofertas, eu busco poemas. O Mont Blanc "aparece entre as escuras montañas como a chama do lóstrego na tempestade", escribiu Shelley. Non miro os prezos. Sei falar a linguaxe dos bocadillos e contar estrelas nun banco da estación de Austerlitz. Non se me vai facer novidade da dor lumbar que me regala o meu colchón de mármore. Ana atopou unha empresa que che leva a mochila sobre unha mula. O pintor Oscar Kokoschka atou os seus cadros ao lombo dunha mula e atravesou os Alpes por corredoiras de aire puro. Escapaba ao gas zyklon de Austwitch. Hitler tíñalle ganas. Kokoschka aprobara o ingreso en Belas Artes de Linz. A criada de Kokoschka, que morreu hai anos na rúa García Abad de Lugo, preparaba o caldo ao xeito de Mondoñedo, con máis grelo que pataca e un punto amargado de unto, como lle aprendera a nai. Gloria non lle atopou xeito a que o señorito andase con pinturas por medio do monte. Acomodoulle unha pota de caldo nas alforxas.

Hai nun itinerario brando e cariñoso que rodea o Mont Blanc en 16 quilómetros diarios. Non lles podo dicir o ano da viaxe. Pode ser o 2024, o 2027; quen sabe? Empezaremos a aforrar e a confiar en que estoupe unha sorpresa. Os austríacos non agardaban que Napoleón lles metese a Grande Armée polos Alpes. Delaroche pintouno no paso máis alto: angustiado e abatido, cun abrigo breve añorando o corazón cálido de Josephine. Pero logrou atravesalos con 40.000 soldados a lombos de Marengo, que non era mulo. A vitoria custoulle 22.000 botellas de Bordeos, dúas toneladas de queixo do pirineo vasco, 800 quilos de carne da Lorena e 1.103 soldados. A derrota foi a humidade nas botas de coiro. Houbo de tiralas.

Unha mula
Comentarios