Opinión

Unha gravata azul

O DOMINGO puxen a gravata para ir buscar o ABC en papel. Teño unha azul bilbao de cando casei, de cando casaron os meus irmáns, os meus amigos. É bonita. Comprouma a miña nai en El Corte Inglés da Coruña. Soamente despois de que o dependente lle recoñecese o gusto para vestir dos bilbaínos, como ela. Hai que vender gravatas.

Fernando Arrabal citaba a Cervantes na Terceira: "Barcelona, albergue de extranjeros, sitio de belleza única". Barcelona ten dúas vantaxes sobre outras cidades desmesuradas: salitre na Barceloneta e motos para circular. Por iso é tan amable. A última vez que estiven foi hai cinco anos. Estaba chea de color. Amencía a primavera. As flores vermellas e amarelas se abrían nas árbores. Tiñan nove  franxas en L’Eixample e unicamente tres nos barrios que abrazan o centro dende fóra.

Barcelona mírase mellor dende Montjuic: o pai de Vázquez Montalbán era de Moscán, en Láncara; Marsé foi adoptado. O príncipe da cidade é agora Miqui Otero, nacido na diáspora das Terras de Miranda (Alfoz, Valadouro, Mondoñedo). Miqui é guapo, imparte clase nunha desas facultades que os barceloneses puxeron entre aciñeiras e fala no programa de Julia Otero. A súa novela Simón explica Barcelona. Compite con Manuel Jabois nas listas de vendas. Jabois tamén é guapo e tamén ten vontade de estilo. Ninguén conta o mundo como un galego.

Agora Barcelona e as aforas, Cataluña, queren marchar. Deberíamos ceder. Non é tanto tempo de porrazos e patadas voadoras como de mandarlles o Senado, de acordar un pacto fiscal. Pero Madrid non escoita, a xente fala moi alto nas terrazas.

Dáme pena que marchen. Gato Pérez marchaba a Gràcia polas noites. Pedía un ron con xenebra en La Petxina e cantaba cos xitanos. Inventou a rumba catalá.

Comentarios