Opinión

Un xelado de limón

O AMBIENTE DE onte en La Modernita xa era outro. Vitiña serviu cafés con corazóns debuxados e uns churros dourados coma as columnas do Partenón

Os clientes pagaron con sorrisos modernistas, versos de prata e moedas coa cara de Rubén Darío. As voces altas, os escoltas agresores, os censos urxentes, o acorralamento de menas, os moribundos atrapados nas residencias, os malos coñecidos,... todo se precipitou polo abismo da xornada de reflexión. Dani camiñaba sobre as augas sen muletas coma Xesúscristo no lago Tiberíades.

Bertorella sentou nunha mesa apartada baixo o palio vaporoso da pasta que cociñaba Mona e Giaccomo para calcular se Edmundo superará hoxe o cinco por cento. El confía en que haberá nunha entente entre Isabel e Rocío. Cando Bascuas lle reprocha ser tan de dereitas cita ao escritor fascista Agustín de Foxá: "Son aristócrata, son conde, son rico, son embaixador, son gordo, e todavía me preguntan por que son de dereitas. ¿Que carallo podo ser?". 

Bascuas tamén estaba contento, aínda confiaba en que a esquerda sorpase felizmente. "Non vos desvelarei por quen vou votar. Como dixo o ministro Pepe Blanco na véspera das eleccións norteamericanas: Non quero influír no resultado". Bertorella púxose pesado citando a Foxá: "Teño o traballo perfecto: diplomático dunha ditadura nunha democracia. O mellor dos dous mundos".

A relaxación de onte era tal que comprei un xeado de limóns nórdicos en San Pedro e marchei pasear pola avenida de Madrid cara á Tolda de Castela. Ía camiño dalgún colexio electoral,pero dei a volta porque é día de mercado en Lugo. Non acabo de dar cunhas patacas boas nesta transición entre as vellas e as novas. Como recoñecía o conde: "A miña triloxía deixou de ser patria pan e xustiza, agora é café, copa e puro".

Comentarios