Opinión

Un touro estéril

FÍXENME condutor en Lugo. Foi a primeira cidade na que aprendín itinerarios. Cando empecei a vivir con Ana leveina a Continente, o hipermercado que fai esquina no Miño. Ela miroume con espanto ao ver que quitaba un mapa. Sentíame torpe para orientarme na Tolda e enlazar coa Nacional VI. É fácil, seino. Esa estrada é unha circunvalación.
Lugo está estruturada en círculos, da Muralla á Rolda Leste. Rubén Arroxo non ten claro que deba esmagar unhas carballeiras para ensanchar o acceso ao hospital. Eu, tampouco. Non son estritamente conservacionista, pero ás veces paga a pena desviarse un pouco. Evita compensar despois con barrios ecolóxicos.

Nunca quito eu o Ford C Max do garaxe. Subo no asento do copiloto. Deixo que todo flúa contemplando as cores cambiantes dos semáforos. O problema aparece cando debo conducir. Houben de subir ao Ceao. Fun buscar unhas caixas con botellas de aceite. Xa nada era igual. Deime de conta de que Rubén cambiara os sentidos das rúas cando empecei a ver automóbiles circulando por prohibido. Asaltoume a nostalxia rodada dos anos 90. Non lle vexo sentido a memorizar outra vez os procedementos para chegar dun punto da cidade a outro porque non vivo do taxi. A utilidade dese esforzo sería usar unha vez ao ano a nova rotonda da Tolda de Castela.

Cos romanos non pasaban estas cousas. Unha guía turística explicaba onte a uns insersos que o Lucus Augusti colocou unhas vías rectas, que non tiñan perda. 

Na Gallaecia ofrecían oito variedades de aceite. O favorito no Lugo romano era o das oliveiras humedecidas polo Sil. Reservábase para os banquetes no templo de Mitra, cando sacrificaban un touro esteril. Para ir compralo collían a Via Antonina, pero había que desviarse.

Comentarios