Opinión

Un salmón de pedra

ANDARON EN Compostela protestando polas riadas de rapaces católicos. Non me sorprende que uns mozos berren amores e canten salmos ao entrar nunha cidade que bombea relixión. O inesperado é que crean que unha barca co cadáver do Apóstolo remontase o río Ulla coa axilidade dun salmón de pedra. Todos os cativos teñen querencia por facerse notar. Faise necesaria para a continuidade da especie. En Lugo andamos polos catorce mil cans censados. Non é tan fácil indicarlles cando poden ladrar e onde poden aliviar as premuras do corpo. Calquera día haberá máis padrón de cadelos que de persoas.

Santiago xa tiña o poder eclesial e universitario de Galicia, e Antonio Rosón decidiu darlle o poder político en 1982. Aínda que dixera publicamente que "a radicación da futura capitalidade galega corresponde ao pobo galego". Paco Vázquez non lle fora á constitución do primeiro goberno autonómico porque cheiraba a tostada queimada dende A Coruña. O problema tampouco se resolvera no estatuto do 36. O resultado é que Compostela concentra o patrimonio inmaterial de Galicia: a Igrexa, a USC e a Xunta. Son tres empresas ecolóxicas porque xeneran centos de postos de traballo e non contaminan.

Os meus amigos curas de Lugo reivindican que eramos unha cidade europea antes que Santiago, por moito que Goethe afirmara que as peregrinacións á praza do Obradoiro artellaron o continente. Os sacerdotes sinálanme o terremoto de Lisboa como culpable. Derrubounos a fachada da catedral en 1755. Como non tiñamos cartos para refacela fomos ao barato. Quedou sen labrar a parte traseira das estatuas dos apóstolos que coroan a fachada. Respóndolles que os escultores gregos tamén deixaban o lombo sen traballar co cicel.

Comentarios