sábado. 24.07.2021 |
El tiempo
sábado. 24.07.2021
El tiempo

Un dente de ouro

ESPERTEI cedo. A hora de espertar é indiferente. Sempre é cedo. Non deran as seis e xa estaba lendo sobre a liberación de Urdangarín.

Doíame a cabeza como se un monárquico estivese facéndome vudú cunhas agullas nun boneco de trapo con gafas. A miña nai bótalle a culpa á Moderna. Outros botarían a culpa a un anxo separatista servidor de Lucifer.

Chamoume Segis para comentarme o seu desafecto pola monarquía. Deille a razón. Admiro a Felipe VI pola paciencia matrimonial, pero non me atrevín a confesarllo. Segis é argumentado e contundente nas súas ideas políticas. Eu non acabo de concretar a primeira.

O boneco carteiro que preside o edificio de Correos deu as oito. Eu xa estaba diante da casa consistorial. Fora solicitar un aparcadoiro público para carros da compra en Quiroga Ballesteros. Atendeume un señor atento con camisa branca. Tomou nota detallada da reclamación. Deume un formulario para asinar. Marchei sen ter claro se era un funcionario municipal ou un ocioso que se divertira á miña costa. Atendérame no soportal, sen convidarme a entrar.

En La Modernita saudei a Fernando. Deume un abrazo co seu reloxo prateado de bisutería. Coñecímonos cando intentou facerme o timo dos tres cubiletes na praza da Soedade. Non debe de irlle mal porque cambiara o dente postizo. «Ouro de Minas Gerais», presumiu. Fernando é favorable aos indultos, pero soamente para asuntos económicos. «Os emprendedores somos os que levantamos bo país, Jaure». Fala xesticulando teatralmente, coma Pavarotti. Alegrábase de que Urdagarín quitase un sobresaínte no programa de resinserción para corruptos. Poderá durmir en palacio. Calquera día Fernando acaba de novo no cárcere. Seguro que o indultan sen formulario nin arrepentimento.

Un dente de ouro
Comentarios