viernes. 24.09.2021 |
El tiempo
viernes. 24.09.2021
El tiempo

Un coche verde

A MIÑA FILLA vacinouse no Hula. Matriculouse en segundo de carreira. Levou tres amigas á praia conducindo o Renault Clío.

Os tres acontecementos sucedéronse onte. Non precisou da miña aprobación nin da miña supervisión.

Hai tres anos díxenlle adeus en Baraxas. A Terminal 4 ten un movemento e unha alegría que non responden á orixe do arquitecto, Antonio Lamela, en Miranda; aínda que a luz, recollida, nace en Castroverde. Temín que o teito me caese enriba. Os celtas respectaban o peso do ceo. Estaría un longo curso escolar sen ver a Sara. Botou un ano nunha granxa cuberta de neve durante dez meses ao ano. Vía "máis cervos que persoas". Trump era presidente. Aliviábame que vivise a tres horas do civilizado Canadá.

Daquela entendín que lle retirara a estada, que o meu papel protector fora tirado á papeleira, que me quedaba un pequeno saco de decisións que tomar por ela. Ese saco caeu onte no fondo do río. Sara é dona e señora da súa vida sanitaria, universitaria e automobilistica. A miña dignidade será poñerlle unha árbore de Nadal.

 Aínda queda pola casa o fillo. Estudou Primaria nun colexio a 300 metros da casa. Unha noite, cando el tiña 9 anos, convocoume no dormitorio. Pediume empezar a ir so á clase. Díxome:  "Es tan despistado que paso medo para cruzar as rúas". Os pais de compañeiros de Antón acompañaron os cativos ata sexto curso. O adestramento militar dos espartanos, a 'agoxé', comezaba con 7 anos. Eran separados das familias. Facíanlles pasar fame e aprender elexías de Tirteo, que cantaban nas marchas.

Nunca cheguei a 1,80. En Ribadeo era alto na clase. O meu fillo sácame un palmo e sabe programar a Alexa para que a casa se ilumine se estamos fóra. Vou baixar ao chino de San Roque mirar se xa hai luces navideñas.

Un coche verde
Comentarios