Opinión

Un café no Cantón

Estaba convencido de que superara a disciplina de madrugar en domingo. Érgome cedo de habitual, pero o domingo era "a República". Esta expresión usábaa o vello franquista da miña pensión de Santiago para definir o caótico

Unha vez que o meu fillo logrou soberanía deportiva e vai so aos partidos entregueime á República. Volvín madrugar hai dous meses porque a muller decidiu, xunto a outros 20 lucenses, que lle gusta a barra dunha panadería de Bispo Aguirre. O problema é que fan 19. É pan recocido, pero con sementes. As sementes danlle a ilusión de pan recén forneado nos Ancares. Pasei pola barra e comprei os periódicos na Praza Maior. Déuseme por reflexionar no motivo polo que o espazo que coñecín como Cantón cando me asentei en Lugo pasou a chamarse Praza de España e decaeu en Praza Maior. As prazas principais de Galicia foron cantóns ata que Franco decidiu españolizar España. Os demócratas relaxaron o patriotismo da topomimia. A solución foi Praza Maior. Unha decisión lóxica por ser Lugo unha capital típica de Castela.

Unha vez sentei no Café del Centro informeime dese lío con Candín, que pretende quedar con nome Ancares para o seu municipio. Xabier Moure documentou que o Concilio de Braga cita Ancares tamén na banda galega xa no 572. Lembrei que nos Estudos de toponimia que publicara Nicandro Ares hai dez anos xa atopara unha referencia. O Concilio Lucense di que «o Condado de Navia venía desde los monte de Ibias ad portum de Anquares». O Concilio de Lugo é do 569, tres anos anterior. Daquela mirei o pan de sementes. Pensei nas formas de chamar ao pico da barra, que eu descubrín que é coscorro. Entrou ben con café. Tiña cariño ao padre Nicandro. Dicíame que os republicanos da fe podemos entrar no Reino dos Ceos.

Comentarios