lunes. 19.04.2021 |
El tiempo
lunes. 19.04.2021
El tiempo

O trono da clase media

COMPRAMOS un sofá. Dous señores vestidos de vermello e resignación viñeron traelo a media mañá.  Pousaron caixas marróns con cinchas durísimas de plástico negro no centro da sala. Marcharon tan silenciosamente como entraran. Son discretos porque os compradores de sofás somos esixentes. A maioría da xente usa o sofá como moble favorito da casa, aínda que eu opto pola mesa da cociña.

O sofá é o trono da clase media. Freud revelounos a nosa verdade escondida deitándonos nun sofá. Preguntounos con acento centroeuropeo se de nenos comiamos os filetes con coitelo e garfo. O psicanalista fuxía do contacto, sequera visual, cos pacientes.

A todos nos gustaría sentar por un día nun trono. Eu soño co dos vellos papas. O día de ser nomeados tiñan que sentar nunha cadeira solemne cun burato no centro. Un cardenal introducía a man para palpar a humanidade do pontífice. "Duos habet et bene pendentes" era a frase para refrendar que non se producía o escándalo da papisa Xoana. A monxa exerceu dous anos. Morreu no 857 segundo volvía de presidir a procesión do Domingo de Ramos ao seu pazo da Civitas Leonina —a Cidade do Vaticano que Sigmund Freud temía morrer sen coñecer—.  Presentóuselle un parto que escondera baixo as saias púrpuras que usaba co nome de Bieito III. Lamberto, embaixador de Saxonia, deixáraa embarazada mirándoa fixamente cos seus ollos azuis coma o xelo. Hai quen di que morreu por ser angosta de formas e quen di que a matou a vergoña de verse descuberta.

Segundo foron entrando as caixas co sofá estendín libros e papeis pola mesa da cociña para disimular estar ocupado. Deus non me chamou polo camiño dos mecanos. Deixei que a muller e O Herdeiro se ocupasen da complexidade e o incordio da montaxe.

O trono da clase media
Comentarios