Opinión

Tres segundos

JAVIER ARIAS e Antonio Ameijide estaban diante do hotel Méndez Núñez onte ás nove da mañá. Vestían roupa fluorescente que era de cor protección civil. Esperaban por Rueda. Logo baixou.

No aire respírabase un olor a candidato. Uns aspirantes a cargos recenden a pólvora; outros, a habitación baleira. A Javier e a Antonio estáselles poñendo cara de candidato. Rueda trata de saír dese purgatorio que tanto queima. Arre ou xo.


Javier e Antonio cóntaronme que ían con Rueda en coche ao Cádavo para volver a Lugo en bicicleta. Non lle atopo sentido, pero estou certo de que o ten. Hai xente que fai esas cousas: Antonio, Javier e Rueda. Estaban con Álvaro Meilán, de prensa do PP, e estaban con outro home que me presentaron dúas veces. El foi agradable.


Despedinme dos candidatos para ir buscar dous quilogramos de pota e tres xardas na Praza de Abastos. De camiño á compra canto a lista para acordar. Xa o facía no veraneo xuvenil, cando a miña avoa era o Almirantado. A memoria dúrame o mesmo que a dun peixe. Tres segundos e esquezo. Entre a miña casa e a pescadería hai un quilómetro. Isabel, a pescadeira, preguntoume o que quería e fun quen de repetirllo con precisión. Daquela, cumprida a encarga, intentei lembrar o nome do home que me presentaran. Levaba un casco branco e un maillot negro con bandas dun amarelo propio dun control de estrada.


Eu diría que se chamaba Guillermo. Intentei lembralo porque traballa no gabinete de Rueda. Non acordo do nome de pila de Rueda, pero é improbable que volva velo tan cerca nos días que me quedan. Se cadra si que necesito contactar con Guillermo, ou como se chame, se Rueda chega tan alto como apunta. E non lle vou confesar dentro duns anos a Guillermo que esquecín o seu nome, pero que o coñecera con perfume de Tourmalet.