Opinión

Tres mariachis

HAI TEMPO QUE non vexo O Gallopín por Ribadeo. Pregunto por el. Dinme que non sae da casa, que son 87 anos. Con 12 tiña unha voz de anduriña que empastaba ben cos agudos viriles de Jorge Negrete. A vida derivouno a construtor.

Juan Charrasqueado é o meu corrido favorito. Trata dun macho que «se creyó de las mujeres consentido/ y fue borracho, parrandero y jugador». O seu corazón bombeaba o dobre de sangue do esperable. «De aquellos campos/ no dejaba ni una flor». Uns homes feridos foron buscar a Juan Charrasqueado, «se le echaron de a montón» e unha bala de prata «atravesó su corazón». A historia ten sexo, celos, vinganza e rezos. Negrete impresiona cando canta esa encrucillada de sangue e violencia. O Gallopín representou a Ribadeo hai uns anos no Luar. Decidiuse polo boleiro, que pide menos pulmón.

O venres vin un mariachi en Lugo, na rúa da Raíña. Aprobei o pantalón escaso, a gravata vermella e o sombreiro circular adornado por fíos de ouro. Pero non se pode cantar o Juan Charrasqueado lendo a letra no móbil. Eu aprendín ese tema do Lero, que o cantaba unha e outra vez. A súa casa no fin da costa onde estaba a miña, nunha ringleira de vivendas baixas na beira da Nacional. O Lero non era guapo, pero tiña o corpo de cargar sacos de cemento. Aquel corrido falaba de si mesmo, da nostalxia de quen fora el. Sendo eu neno O Lero estaba alcolizado. Levaba na moto a muller e o amante dela. Cando viaxaba ata Lugo ía en solitario. Parecíame grotesco velo repostar na gasolineira do Xardín. Aquel home soportara un litro diario de tinto. Percorría 90 quilómetros de ida, durmía nun portalón e facía outros tantos de volta. Aparcaba a Ducati nas rúas que baixan ao Miño, pola parte vella. Non quería perder a súa esencia.

Comentarios