domingo. 23.01.2022 |
El tiempo
domingo. 23.01.2022
El tiempo

Tres días

SARA cumpre 20 anos. Este dato debería deixalo a vostede indiferente. Mesmo eu entendería que boquexase e comentase secamente: "Pero que me estás contando, Jaure?"

Os fillos alleos son coma os problemas: algo que debe resolver outro. A filla é miña e da muller. Mesmo quixemos tela. Non foi un asalto da natureza. O parto cadrounos en pleno cambio de piso, da Ronda de Fingoi á rúa de Celso Emilio Ferreiro; con Gabriel García-Noblejas, o maior experto en chinés de Europa na casa —que lle dera por visitarme dende Granada— e con Ana pintando paredes ata que ameazaron as punzadas no ventre. Cando Antón decidiu botarse ao mundo eu buscaba aparcamento en Vigo. Con Sara fora peor porque a miña muller me aconsellou almorzar con parsimonia. Para cando cheguei ao hospital xa estaban meus sogros preguntándose se desertara da paternidade. Eles viaxaran dende A Coruña. A recén nacida e o problema eran meus

Un estudo recente do campus lucense da USC calcula que o 17,4 por cento da mocidade de Lugo participou nos últimos 15 anos nunha festa de cumprir anos de Sara Jaureguizar. O noso inferno empezou nos albores da primaria. Non se lle puido ocorrer mellor idea a miña muller que organizarlle unha merenda cos amigos. Sara pretendía convidar as dúas clases de primeiro, uns 50 nenos sen certificado de sensatez e quietude; xa non pidamos o de silencio. Ao cabo convencímola para cursar invitación só aos "íntimos". Reunimos os 25 da súa clase arredor dunha fogueira tola de pizzas e cocacolas sen cafeína.

E ata hoxe. O aniversario dos 20 empezou o sábado en Lugo, prolongouse onte na Coruña e confío en que remate hoxe en Bilbao. Como os amigos non entendían que a celebración durase tres días Sara inventou que a nai padecera sangue e dores durante tres días.

Tres días
Comentarios