Opinión

Se un tren sae de Ribadeo ás 11.00 e chega a Lugo ás 14.00 horas...

JAVIER  CÓNTAME que veu dende Ribadeo a Lugo e logo houbo de volver a Ribadeo para regresar instantaneamente a Lugo. Foi en coche, claro. Non poderiamos formular o problema matemático da infancia: Se un tren sae de Ribadeo ás 11.00 e chega a Lugo ás 14.00 horas... Ese tren foi unha locomotora fantasma proxectada por Julio Lazúrtegui hai cen anos e pico. O enxeñeiro xa tendera as vías entre A Pontenova e Porto Estreito ribadense, pero foi vencido polo chumbo da desidia política. Esa inercia impide aínda hoxe artellar a provincia pintando as necesarias liñas dentadas no mapa. Lugo e Monforte están malamente comunicadas con travesas, pese a que Ana Pardo de Vera empezase a evitalo. Leo un poema de Leopoldo Calvo-Sotelo, quen fóra presidente do asunto gubernativo despois de selo no trasunto ferroviario: "La sórdida Renfe va desperezando/ por la geografía de la pobre España/su decinomónica/su vieja chatarra". A chatarra lucense quedou para recreo e pasmo de sendeiristas como eses amores que son tan bonitos que nunca dan nacido.

Javier Rivera ten un corpo alto e ancho de enerxía que lle permite conducir 400 quilómetros co mesmo rastro de cansanzo que tería un can ceibo nunha carnicería. Deixara o móbil e volveu de recollelo con tal frescura que dubido deses 62 anos que declara nas aduanas. Eu tamén esquecín o teléfono na casa onte. Deime conta na redacción, a medio quilómetro de pasos. Armeime de disciplina. Sabía que podía aguantar tres horas sen móbil. Teño esa determinación. Aos dez minutos estaba na casa. Coller o teléfono, coa súa cariña de acibeche e o seu silencio cariñoso, tranquilizoume. De camiño para o xornal ocórreuseme que o necesitaba porque toda a miña axenda profesional está metida nesa caixiña que tanto se parece á pedra adorada na Meca.

Comentarios