Opinión

Entre traxes e desgustos

SENTEI na terraza de La Capital, no Cantón. Dúas mesas máis abaixo vin a Xoán Cuba, Nacho López e Paco Nieto. Fun xantar. Volvín atopalos na terraza de Quiroga Ballesteros no paseo da tarde. Acepteilles un café. Non bebo ata que o Carteiro de San Pedro peta o mazazo das once da noite. Son abstemio horario. Na mesa había varios gintonics. Explicáronme que se citaban unha vez ao ano para xantar. Miraban de reollo os vasos, altos como as Torres do Seminario, pero os catro tivemos a discrección de deixalos nun segundo plano. Nacho López é pintor. Explicoume que a arte e a vida doméstica non se entendían, polo que levou o seu estudo a Cariño para manter os seus cadros a salvo das coladas purísimas e dos ventos furacanados que provocan as aspiradoras.

Pasei comprar o pan en Recatelo, pero, como Pepa está de vacacións, non prendín na silveira. Ao pasar diante do Vicerreitorado atopei un grupo de xente traxeada. Supuxen que era unha voda, non civil nin relixiosa, senón universitaria. Eu víame perfectamente casado polo reitor, Antonio López, nun iustae nuptiae; pero non vou repetir. Se mantés o matrimonio orixinal, para que vas meterte nun simulacro?

Os señores reuníranse con señoras fronte á catedral "para a recepción do Campus Terrae", segundo me indicou o reitor. Javier Arias, que nunca bota un paso fóra da corrección, presentoume a Román Rodríguez. O conselleiro valorou que eu lle parecía máis novo que nas fotos. Deille o consello de abandonar a política porque, entre traxes e desgustos, é un factor de envellecemento. Aprobou o meu discurso, polo que me animei a desenvolvelo. Maticei, que eu son máis novo ca el e que, a un mes de precipitarme nos 57 anos, uso un vestidor cheo de camisetas. Román achegóuseme e bisboume na orella: "Eu teño 53".

Comentarios