Opinión

A torre de control da Lavacolla

DÁME PENA saír de casa. O xardín do edificio está seco, a terra, dura. Empeza a quebrarse como cando tes a gorxa áspera. Estes días, os veciños evitamos falar do tempo no ascensor. Falamos de saúde. Teño un veciño que me dixo que lle "duele España". Esa doenza xa a padecera Unamuno. O noso xardín parece a Xeración do 98 pola terra que se abre coma un cartón vello.

Outro veciño, de mellor saúde patriótica, quere saber o qué opino "do de Feijóo". Twitter parece a páxina de esquelas dun periódico. Eu non o dou por cadáver político, todavía. Se vai haber repetición electoral sería absurdo substituílo. Ben lembran vostedes o de San Ignacio, de que en época revolta hai que evitar os cambios. Pero sospeito que o Nadal non traerá urnas, por moito que en Lugo leve anos sen nevar. 

Junts necesita cartos coma auga de agosto. Renunciará ao desexo nacional para volver ao feito catalanista. Un amigo meu contoume un soño: "Soñei coa independencia de Galicia, que bonita!, pero cando espertei quixen que funcionase a torre de control da Lavacolla para coller o avión". A miña dúbida é qué vai durar menos: se Feijóo como lider do PP ou Sánchez no xogo acrobático que fai coas mazas da maioría parlamentaria.

Esperanza Aguirre publica en The Objective un auto de fe implacable contra Feijóo, sen mencionalo en ningunha frase. A columna chámase Se acabó la farsa, pero ben podería chamarse ¡Que le corten la cabeza! se a condesa consorte de Bornos e Murillo, con grandeza de España, fose a Raíña de Alicia no País das Marabillas. O país que describía Aguirre era unha selva habitada por feroces "comunistas bolivarianos, filoterroristas y golpistas". Agradezo que o noso extremo centrodereita teña superada a "conspiración xudeomasónica" por seca que me resulte a súa reiterada apelación ao desputado voto de Txapote. Desboto que a emperatriz nai madrileña citase a Marx: "A Historia repítese, primeiro como traxedia e despois como farsa". Pero afirma con transparencia que o seu candidato é Miguel Ángel Rodríguez, o ventríluoco que move a boca de Isabel Díaz Ayuso.

Feijóo pasou de ser o Cid Campeador que cabalgaría dende Compostela a Madrid por terra liberada a ser un estafermo no que baten os lanceiros das radios matutinas máis ortodoxas. Aseguráronlle que sería capitán dos Terzos de Flandres á fronte de mesnadas Abascalianas, navarras e canarias. Pero a pólvora dos arcabuces estaba mollada.

Debo de ter pola casa un exemplar de La España invertebrada, onde Ortega y Gasset sinalaba que "una nación debe ser un proyecto sugestivo de vida en común". Ao cabo, Sánchez sopra ese alento. Miren que era o candidato máis proscrito para ese papel vertebrador.

Comentarios