Opinión

The Ramóns

ESTABA ASINANDO un artículo de Ramón Rozas en Táboa Redonda, o suplemento de cultura desta casa. En vez de escribir Ramón Rozas escribín Ramón Areces. O nome soábame. Areces non é ningún dos Ramóns destacados na nosa cultura: Ramón María del Valle Inclán, Ramón Otero Pedrayo e Ramón Cabanillas.

Había corenta anos que non acordaba de Ramón Areces. Pero o inconsciente, que é unha lagoa negra que temos no cerebro, devolveuno á beira. Ramón Areces foi importante na miña vida. Eu tiña 11 anos, el tiña 15. Escondémonos tras o polideportivo. Ofreceume un cigarro. Deille unha calada. Sentínme como se metera a cabeza na boca da cheminea do Inferno.

Gustáballe o punk. Faloume de The Ramones, unha banda de rock . Todos os membros vestían cazadoras de coiro,  vaqueiros e botíns de baloncesto. Os catro dicían apelidarse Ramone. Peitábanse morenos, á taza. Metían medo en Nova York . Pensaban que era unha invasión de hispanos.

Ramón era delgado e nervioso,  iracundo, cos ollos levemente fóra das órbitas. Nunca souben que tivese pai. A nai tiña os seus ollos claros e o seu pelo louro. parecía bávara. Falaba galego cos xiros da banda asturiana. Algo lle pasara en Berna. Non quería volver a Suíza. Contaba que no cantón alemán as galegas tiñan sona de roubar xoias e cartos cando as señoras faltaban de casa e os galegos, de acosar ás mulleres. De regreso a Ribadeo ela estivo un ano servindo na casa dunha moribunda.

Ao morrer a señora marcharon  a Londres. Nunca souben máis nada de Ramón Areces. Tal vez se perdeu no barco de  regreso. O perruqueiro, Antonio, contábame o outro día dun neno que botaba o día metido no ascensor. Subía e baixaba todo o día. En Marrocos nunca vira un.

Comentarios