Opinión

Unha terraza sen bar, un euro sen auga

QUERÍA TOMAR unha auga nunha terraza cerca da catedral, xunto á Casa dos Bastóns; pero tiña dous euros e alí cóbranos a prezo de auga bendita. Subín á praza de Armanyá, onde atopei unha terraza, pero non o bar correspondente. Se non están exactamente diante do negocio cústame relacionalos. Saudoume Luciano Pérez, o luthier. Levaba unha gorra azul mariño para o sol de Guadiana. Desexo males aos artesáns musicais porque traballan a madeira e tocan instrumentos; dúas das miñas maiores torpezas. Tamén está cociñar. Seguro que Luciano é habil cos coitelos e as salsas. Contárame de cando botara unha semana en Berlín montando a cociña dun piso que comprara o fillo. Era coma un inmigrante. Saía unicamente para xantar no paqui da esquina.

Tocábame cociñar, pero antes quería beber unha auga tranquila nunha terraza. Achegóuseme un home. A súa gorra vermella perdera a cor polo castigo do sol. Era maior ca min. Setenta cumpridos. Falaba como se puxese un telegrama e lle cobrasen por palabra. "Pode prestrarme un euro para o Comedor de San Froilán?" Presteillo a fondo perdido. Xa non podería tomar a auga, pero era máis importante que aquel señor xantase. Quen sabe cando volvería deslizar comida ata o estómago? A fame vólveme iracundo. Non quería que el se enfadase máis coa súa vida malfeita. Informoume de que nese comedor serven dous pratos. "Pero é mellor o Albergue, onde che dan tres comidas gratuítamente. O malo é que soamente podes ir tres días ao mes".

Pasou don Raúl. Aínda non sei quen é don Raúl. Eu vin camiñando un home que daba pasos curtos e rápidos. O beneficiario do meu euro saudouno. "Bo día, don Raúl". E el quitou un euro do peto e doullo. Pensei en reclamarlle o meu porque tiña sede, pero sentínme miserable.