Opinión

O televisor como planta de interior

FALABAN DA seca na radio. Acordei de que en casa temos tres plantas sobre o moble que enmarca o televisor, convertido tamén noutra planta de interior. Hai xa meses que non prende. As plantas domésticas son austeras e serias na fidelidade. Podes esquecer delas de verán a verán. Sobreviven cun chusco de pan, manteñen a folla de servizo impoluta. As tres plantas seguían no mesmo sitio que o agosto pasado, coma o trío de reis que nunca falta no Nadal cos regalos por moito que o ignoremos durante o ano. Imaxino que o 7 de xaneiro, pagadas as contratas de reparto, os Magos se retiran aos Xardíns Colgantes de Babilonia. Alí xogan ao tute e bailan El negro zumbón con algunhas viúvas rumbosas.

Estiven regando as tres plantas. Quero tranquilizar ao concelleiro de Medio Ambiente e pedirlle que me saúde cando nos crucemos en Campo Castelo, porque pouca auga gastan. Un vaso chega para as tres, así de apañadas son. Miguel Fernández anunciou uns "xardíns de chuvia" na Garaballa, xunto a ese edificio que tamén é unha planta decorativa. Aforraremos agua. Os babilonios mandaban os escravos ir buscala en cubos e subila a un depósito grande que gardaba un vello con ollos de gato siamés que fumaba cachimba.

Un mensaxeiro trouxo un paquete. Se cadra non era noso, pero non me atrevo a contrariar a un descoñecido. Quitei o cartón e saín baixalo ao contenedor. Atopei a Chelo, a veciña do cuarto. Estaba agarimando unhas plantas nos parterres do baixo. Andaba mollando nelas cun esprai de aspirina vexetal. Contoume que uns vermes comen os xeranios cando aínda son abrocho. Poderemos pasar o veran sen auga, pero non soportariamos vivilo sen rosas nin dalias. "Teño uns xeranios como repolos de Mondoñedo", cantaba O Zacurro por Ribadeo adiante cando lle florecían. 

Comentarios