Opinión

Técnicas de escalada

ERGUÍNME cedo. Levantei a persiana. Afora estaba o Miño refrescando apenas os pés, os rusos invadindo Europa en diferido, Olivia Newton John lembrando Pantón na despedida, os escaparates fundidos a negro, as barras de pan voando inalcanzables sobre Recatelo, o polígono do Ceao sufrindo unha páxara, as vacas desangrándose no altar santo do mercado e o coronavirus entronizado aínda nos nosos pulmóns. Volvín deitarme. Abrín un libro sobre escaladas no Everest, onde todo parece limpo e puro. A crise vai arrasar unha xeración de políticos. Os cidadáns non votarán por quen lles recorden as sete pragas bíblicas que estamos padecendo. Churchill resistiu os bombardeos da Luftwaffe. Non se me ocorre un político máis capaz para embridar os catro xinetes do Apocalipse. Gañou a guerra e perdeu as eleccións porque era a cara da guerra.

Soamente vexo contentos os do Partido Popular de Lugo. Exhiben as primeiras e tímidas enquisas coma estandartes no desfile de Elena Candia. A euforia move un péndulo que acaba en mesura. Dinme que a candidata popular á alcaldía de Lugo quere vivir cerca da sede do partido, da Deputación e do Concello; dinme que busca chegar pronto aos lugares de traballo. Os romanos non estaban na puntualidade, estaban no poder. Edificaron a maior das súas fortalezas xunto o Templo de Xerusalén despois de conquistar a cidade.

O libro sobre o Everest conta que os primeiros montañistas en ascendelo subían do tirón. É a técnica dos Alpes. Pero o Everest é máis alto e complexo. Aprenderon que hai que subir, baixar un pouco, deixar un campamento cun equipo de apoio; subir, baixar, organizar outro campamento. Todo político que aspire ás alturas debe deixar expertos de confianza en cada cumio que coroa para lanzarse a ascender o seguinte.

Comentarios