Opinión

O tapaboca de Alfredo Conde

ALFREDO CONDE estivo en Lugo falando do seu anterior libro, A propósito do literario. Ten rematado outro. Fala da súa travesía política. Foi como a viaxe do Titanic: poderosa e impactada. Sabía o que estaba acontecendo, pero seguiu o rumbo trazado. Xa presentara en Lugo as súas memorias da vixilia con Fraga. É un retrato a lápiz, un fresco a voapluma dun excesivo impaciente como presidente da Xunta. Este país idolatra figuras de autoridade por ser indeciso e ateo das súas posibilidades. 

Alfredo confesa que pensaba que o fixeran conselleiro de Cultura por gañar o Nadal. Discrepo. Hai dous factores que pesaron máis. Se dás botado anos a bordo de 120 metros cadrados navegando os mares coñecidos es un Arthur Gordon Pym: podes soportar os motines, os naufragios, o canibalismo e as guerras con nativos da actividade política. Preguntábame un amigo común, á luz do caso, se a literatura é cruel como a política. É peor. Na política xogas as catorce pagas, o chófer e o palco do teu equipo; pero na literatura fúranche os ollos por ser membro da RAG. É unha canonxía a beneficio de inventario. Unicamente o presidente ten praza reservada para aparcar no Parrote. Poden empuxarche cara ao barranco por ocupar a túa presidencia nun xurado nun premio xornalístico, como lle está pasando a Conde. Outros motivos para que fose conselleiro é que a súa casa é unha biblioteca con dormitorios e que ten unha actitude capitular no traballo.


A propósito do literario é un informe de danado, unha enumeración de agravios. Cando menos, serviu para que dese tapaboca a cada quen. Alfredo subliña que o emocionara que Suso de Toro fixera unha confesión de parte ao seu favor.  Non sei se Suso quere crear unha confraría das Sete Dores ou se o corazón se lle está azucarando na vellez.

Comentarios