Opinión

Susana perdida no páramo

DÁMASO ALONSO estaba deitado na cama unha noite de 1940. Tiña os ollos abertos coma un aforcado. Ergueuse. O horror supuroulle por un poema: "A veces en la noche yo me revuelvo y me incorporo en este nicho en el que hace 45 años que me pudro"

Franco fora o cerebro dese insomnio. Torrente Ballester aseguraba que o militar montara a guerra de 1936 "para poder entrar en Ferrol vestido de almirante". O xeneral cativo sufría de neno. Ninguén o tomaba en consideración nos billares de Ferrol. Chamábano Cerillita pola forma de chupa chups do seu físico. Desatou unha guerra que gañara antes de empezar ao contar co alento furioso dos tanques. Provocou que Madrid fose "unha ciudad con un millóns de cadáveres", que lamentaba Dámaso Alonso no poema Insomnio.

Franco comportouse cabalmente cando creou o DNI para garantirse unha identidade.

O meu amigo Suso do Páramo tampouco estaba a gusto no seu molde. Sentíase irritado co seu documento nacional de identidade. Non comprendía os textos. "Nin son español nin son varón. Hai un dobre erro administrativo". Unha vez fóiselle a man da contradición e queimou o DNI. Paula Vilariño informábanos onte neste xornal de que cada mes se denuncian 600 roubos de carnet na provincia. Suso houbo de dicir en comisaria que o vento dun despiste lle levara a carteira no bar da estación de autobuses.

Ás veces bebía e viña visitarme á redacción. Unha pincelada de colorete, un brillo de rímel. "Son Susana do Páramo". Non precisaba de provocar o insomnio  de ningún poeta para sentir respecto por si mesma. Susana era a máis doce das almas. Agardou anos para que corrixisen o engano administrativo nun quirófano. Morreu abandonada nun ermo de prazos do Sergas.

Comentarios