Opinión

Sonsoles Ónega ou un filósofo alemán

O SÁBADO falaban de Sonsoles Ónega  en Telecinco. Unhas amigas dicíanlle que a querían moito e facían outras confesións inesperadas. Aguantei por se falaba das súas orixes en Pol, pero o relato quedara pegado no chicle da amizade. O amor é o único refuxio que poden ter un pobre e un liberal porque é gratuíto.  Fun deitarme.

Onte pola mañá volvín sobre o libro que me entretivera na noite do sábado. Horrorizoume pensar que me deitara lendo un ensaio dun filósofo alemán. Philipp Blom ameaza con que as máquinas van tirarnos á papeleira laboral da Historia. Afirma que o progreso é unha trampa para coellos cegos, que soamente se salvarán camareiros e empresarios. Queda por explicar quen comprará os produtos se todos estamos no paro.

Prendín o teléfono ás 11.00. A miña muller mandárame un tiktokazo de Kiko Rivera. O famoso discjokey pinchara en Viveiro na festa polos 50 anos de Roberto Vilar. Durmira no hotel que ten Nito en Area. Pasei nel a noite de vodas. Non ronquei. Ana confiouse, polo que seguimos casados.

Chamei a Roberto Vilar. Non quixo contarme nada sobre a festa. Roberto colleu o ascensor social cara a arriba, pero non esqueceu administrar o silencio. Kiko Rivera tivo a mala sorte de nacer rico.

Nunca discuto coa miña muller porque sabe todo sobre min. Discuto con Óscar Poy porque é incansable. Mandeille fragmentos do ensaio. Blom argumenta que o liberalismo é a excusa das elites. Emprendemos unha longa e bonita trifulca sobre o comunismo. El sabe que non son marxista, pero atácame por ese flanco para que perda o equilibrio. Prefiro que nos chamemos de todo por teléfono. O seu sangue bate nun corazón de pan quente, pero é alto coma un boi. Será bo político o día que aprenda cando falar e cando calar. E se faga de esquerdas, claro.

Comentarios