jueves. 26.05.2022 |
El tiempo
jueves. 26.05.2022
El tiempo

Sombreiro

SANTI BLADES pasea un sombreiro pola rúa da Raíña. Dígolle que o confundín con un turista parisino. Acolle a broma coa risa dos ollos.

Francia tráelle recordos bonitos. Sei que se criou en París. Cando menos estudou algo en París. Penso que Psicoloxía ou unha desas ciencias que curan o sangue da alma cando se pon turbio, pero tampouco teñen por que facerme caso. Cóntame que comprou o sombreiro para pasear o can. A chuvia, o paraugas e a bolsa son un engorro. "Non pasa unha pinga de auga porque é de lá". Recórdolle que ese sistema foi inventado polas ovellas, que cegan as melenas cando chove. Santi queda pensando. Supoño que  calacula o que lle custou o sombreiro e no que lle custa ás ovellas producir lá. Nada.

Paco Martín levou sombreiro durante uns meses. Tres ou catro anos atrás. Eu sempre lle indicaba que as necrolóxicas agradecen eses detalles tan visuais. Facíalle ese chiste macabro cando era máis novo. Eu. El non cambiou de aspecto. Parei de dicirllo porque estaba gastado no meu repertorio de humor e por se lle resultaba inquietante.

O meu avó materno era o home máis guapo de Bilbao, con bastante achega estatística. Cando penso nel penso na felicidade. Falaba pouco porque estaba satisfeito coa súa vida. Era prácido e sorrinte. Nunca lle escoitei queixarse. A miña avoa materna era coma deixar todas as ventás abertas nunha noite de temporal. A súa casa facía esquina e tiña 16 ventás á rúa. Ela cosíalle os abrigos segundo os patróns de revistas francesas ás que estaba suscrita. O chapeu comprouno porque a miña avoa non deu armado un.

Os sombreiros nunca me sentaron. O meu pai falaba dun cura de Santiago ao que chamaban O Papa porque usaba sombreiro e era "a cabeza máis visible da Igrexa".

Sombreiro
Comentarios