Opinión

A sombra incerta de Mauricio Repetto

As rodas de prensa son unha das belas artes. Hai un equilibrio incerto entre que a dá e quen a recibe. A primeira á que asistín foi concelebrada na galería Sargadelos de Lugo en outubro de 1993.

Había unha ducia de persoas que eu non coñecía e que se coñecían entre elas. Pasou case que media hora de conversas asesinas do tempo entre poñentes e periodistas ata que o dono da sala, Quico, deu dúas palmadas e ergueu a voz: "Non hai ninguén do Progreso?" Non me coñecían. Erguín a man e a rolda desencadenouse como se houbese naturalidade. Ese día entendín a importancia de representar un medio de comunicación.

Non tardei en comprender que, por destacada que fose, era menor que a importancia de ocupar un cargo político. Cacharro Pardo nunca empezaba unha rolda a tempo. Eu imaxinábao no despacho contiguo cubrindo encrucillados para facernos ver quen mandaba na sala de prensa.

Cando Ramón Carballo e Antonio Ameijide presentaron a guerra de guerrillas dos contratos menores como se fose a batalla de Elviña non saía do meu asombro. Era coma ter canóns e disparar con escopetas de balíns. A obra menor esconde unha poderosa carga política na xestión, pero os cidadáns non comprenden en que consiste nin teñen interese en comprendelo. Facer oposición consiste en ir largando cebos coa esperranza de que o Goberno local pique algún, pero a obra menor parecía un cebo minúsculo para ser mordido. Rubén Arroxo pasou de longo, pero Mauricio Repetto trabou. Colleuno con tanta forza que non sabe desengancharse. O Partido Popular empezou, loxicamente, a recoller carrete porque ten a presa enganchada. O gran asunto político de Lugo é a compra duns parasois que calquera marca de refrescos regalaría se chega saber a repercusión.

Comentarios