Opinión

O sobresalto de Marta Rivera

AS EFEMÉRIDES do amor nunca se lembran. Son incapaz de ter a reserva no restaurante no día do noso aniversario. O positivo é que a miña muller nunca mo reprocha ata que pasan uns días porque a ela tampouco se lle acorda. O noso matrimonio é un periódico malo coma o Boletín Oficial do Estado. Publica noticias esperadas.

As efemérides do desamor son marcadas, feas e solitarias. O móbil recordoume onte que se cumprían dez anos dende que marchou a luz entre Víctor Sandoval e Nacho Polo. Sandoval é periodista sentimental. Un dos que levan reliquias de corazóns fendidos polas vilas nese carromato televisivo chamado Sálvame. Anúnciase cunha carraca de fereza e reproches. Nacho Polo ignoro quen é.

Hai dez anos que lle tocou a Sandoval protagonizar o auto de fé que se celebra cada sábado no cantón grande de Telecinco. O 12 de marzo de 2011 o xornalista voou dende Madrid ao fogar familiar de Miami, onde vivía o seu home. Quería recuperar a casa. Viaxou acompañado dun cámara para retransmitir a súa entrada no chalet aos seus compañeiros no plató. Jorge Javier goberna a noite da iguana. Víctor dicíalle: "A vosotros os da igual. No sufrís como yo estoy sufriendo". Esa inculpación foi a que me enganchou. Prendín o Twitter. Empecei a comentar.

Marta Rivera de la Cruz fíxome eco na outra banda. Sempre nos levamos ben, saltamos os charcos con conversas sobre cultura. "No esperaba que te fuesen a interesar estos temas", contestoume.

O desamor interésame como me interesa a despolítica. O xoves Marta, conselleira de Cultura en Madrid, pedía o tempo "para aterrizar". Churchill, ben saben, incluía un sapo cru no seu almorzo para non levar máis sobresaltos ao longo do día. O desamor non se pode desandar; a despolítica, si. Xa empezaron en Murcia.

Comentarios