Opinión

Simulacros de coello

Nunca tivemos un coello como mascota na casa. Amalos carece de sentido. Os coellos son sumisos e agradables de acariciar, pero bastante eficaces ignorándote. Comemos coello hai uns días. Os meus fillos consideran que a súa carne escasea tanto que se come a mordiscos tímidos e que ten un sabor pálido, a pesar de que a salsa levaba ceboleta, romero e pemento verde.

Falei con Dani Polo e Pedro Burgarín. Presentoumos Rafa. Eles tres son magos, pero non quitan coellos do fondo dun sombreiro negro. Polo prezo dun café, vin desaparecer tazas; volver unir servilletas rotas, e dobrar culleriñas enfocando nelas a forza cerebral. Non lles preguntei polos trucos. Nunca quixen coñecelos. Prefiro deixarme fascinar. Os mellores ilusionistas viven en Madrid. Fan unha chamada á China co prefixo comunista e gañan un millón de euros. É un concurso de Luar para a aristocracia do ocio. O teléfono non o descolga Gayoso, senón un primo do alcalde; por iso os premios son maiores, van con cargo a fondos públicos.

En Ribadeo estamos afeitos a que os nobres leven o zurrón baleiro. Don Luis comprara un traxe de cazador no Corte Inglés da Coruña. A cor verde é monárquica ao tempo que cinexética. O conde saía os domingos pola mañá cedo cara a Vilaframil, unha parroquia con coellos tan veloces e asustadizos que cazalos ten o maior dos méritos. Don Luis marchaba polo Vilar adiante ribadensemente cedo, coas agulas no alto mediodía. Unhas horas máis tarde volvía cun coello colgado do pantalón como un equilibrista imitando a San Pedro na cruz. Cobraba unha peza cada vez que saía coa escopeta. A xente que estaba sentada nas terrazas do Cantón miraba para don Luis con sorna. Dicían que o título nobiliario eran tan falso como aquela lebre. Sempre era a mesma porque estaba desecada.

Comentarios