Opinión

Ser recoñecido

OS PASEOS nocturnos de agosto son os mellores do ano. Queda un retén de garda coa calor do día, pero é unha calor amable coma un camareiro que che trata de vostede. E ves cousas sorprendentes. No edificio que está sobre Sara Negro Estilistas, na avenida da Coruña, pero no segundo andar, un rapaz curta o pelo a alguén ás escuras. As tesoiras brillaban no luar. Antonio, o perruqueiro, cítame en lúa chea para que o pelo medre lucido. Os paseos de agosto son longos e despaciosos porque a présa e o frío marcharon de vacacións. O malo é a responsabilidade política. Teño cara de concelleiro. Páranme por un sinal de ceda o paso que se desmaiou ou por un sumidoiro atascado. Pásame como a Rubén Arroxo, que nada ten que ver co carril bici, pero este xa é o Ruben Bici. 

Fálame José Baamonde. Pídeme que escriba bonito de Elena Candia "porque vai apoiala a Xunta". Son  torpe para as evidencias: confío en que o Partido Popular apoie a súa candidata en Lugo. Outro asunto é que eu intente ser o máis honesto posible cando escribo sobre ela.

Máis adiante, xusto enfronte da gasolineira, preséntaseme José Manuel Cordobés. Quéixaseme das deposicións que lle fan os cans. Alfombran a entrada ao seu portal. Levanto o peito polo orgullo de que me recoñeceza. Contoume que tivera negocios de aluguer de coches. Definiuse en poucas frases. Extraio as palabras clave: Burgos, Cid Campeador, 13 TV, viño Protos, xamón de Salamanca, Goberno de Sánchez indolente. Admiro as persoas sen fisuras entre o que pensan e o que beben. "Bueno, no sé si usted es del PSOE", desculpouse Cordobés. "Non son, non me gustan os liberais con mala conciencia", contestei. Ao despedirse preguntoume o nome. "¿Sabe usted que hay un o en El Progreso que se llama igual? Puede que hasta lo conozca".

Comentarios