Opinión

Sepelios

Óscar achegouse tomar café a La Modernita. Pregunteille polo sepelio de Pablo Casado. O réquiem que se dedicou o expresidente popular en Sevilla deu pouco de si.

Recordoume o Enterro do conde de Orgaz. O Greco amosa nese cadro un nobre difunto, vestido pola súa armadura con pel de nécora. Está sostido con levidade por dous relixiosos mentres uns homes miran cara a arriba, onde ascende un novo líder. Todo o que se destacou no currículo de Casado foi ser "boa persoa". Ben, é o comentario axeitado nun funeral.

Contoume Óscar sobre o pasamento dun primo da avoa. Fora nunha parroquia de Becerreá,non lembro o nome. O finado era un home de bigote e de non faltar a un enterro. Morrera avanzado na vida e excedido de peso. A familia teimou en soterralo coma sempre se fixera. As tradicións carecen de lóxica, pero non se cuestionan. É como ser boa persoa. Había que cargar co cadaleito tres quilómetros por un camiño de pedras, charcos e penurias. Na metade da ruta pararon por cansanzo. Miraron para Óscar como refresco. Para compensar o seu 1,90 de altura, que descolocaría a comitiva, foron á casa de Ramiro, que xogara ao baloncesto nas categorías inferiores do Breogán.

Nesa parroquia dérase un suceso cun tenente chegado con Napoleón. Un trabucazo rebentara o ventre do seu cabalo. A caída quebroulle dúas costelas. Quedou inmóbil diante do panorama de botar a noite entre a neve. Morrería de frío. Baleirou o ventre do cabalo para abrigarse na cavidade. O corazón da besta aínda batía a espasmos xordos. Pola mañá houbo quen soubo perdoalo e quen empezou a amalo. Óscar herdou o apelido afrancesado, Poy, e a estatura de campanario, pero non a nostalxia azul nos ollos daquel militar francés tan debedor da humillación que lle perdoaran.

Comentarios