Opinión

Señor Rajoy sobre fondo gris

Pedro Sánchez encargou un retrato de Mariano Rajoy para a galería expresidencial. Vainos custar o soldo anual de dous médicos. Pero Sánchez quere pegar o cromo do antecesor no álbum da Historia e pechalo coa súa memoria presa. O autor será o artista gaditano Hernán Cortés. Ben sei que Velázquez podería ser agora un instagramer, pero haberá algún pintor de cámara que non se chame Hernán Cortés. O conquistador estivo lamentando a batalla contra os mexicas sentado na Árbore da Noite Triste. Rajoy foi comerse a moción de censura cun arroz a banda a un restaurante de Alcalá. Hai unha distancia entre encaixar unha derrota chorando e abrindo un sobre de ali oli.

Hernán Cortés non se queixará do posado de Rajoy. O expresidente aprendeu de Alfonso Guerra que, para saír na foto do poder, non hai que moverse. Quedou quieto e, para cando espertou, o dinosaurio marchara de aburrimento e el dirixía o BOE. Iso non o soñara nin na máis vaporosa posta de longo das nenúfares no casino pontevedrés. Rajoy posará coma o conde de Orgaz posou para o Greco, en posición de firmes para non saír movido. Rajoy é o norte, o leste, o oeste... un punto cardinal. No cadro aparecerá sen coroa, espada, cetro ou orbe —como Henrique VIII—; porque é unha persoa normal, un home sen atributos. A súa virtude xestora foi ser previsible. Perfecta para a tormenta que estourou en 2008.

Sánchez encarga o retrato do seu antecesor en vésperas de Defuntos, alentado porque os ecoloxistas protestan polo planeta cotroso que estamos deixando. Tiran latas de sopa Andy Warhol contra Van Gogh, Monet e Carlos III. O rei británico que levou o merengazo é unha figura de cera, pero a quietude de Rajoy pode facer que os manifestantes se confundan co orixinal.

Comentarios