viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

Sempre é cedo para erguerse un domingo

ESPETAR co teléfono soando en medio da escuridade é desconcertante. É como espertar rodeado por lume, pero en frío.  Era cedo. Sempre é cedo para espertar un domingo. Tardei en identificar o timbre de voz persoal do teléfono.

Avisábanme do incendio no polígono industrial de Lugo. As palabras lume, vento e choiva son moedas de curso legal na miña casa. Van de man en man. O primeiro que pensei é que no Ceao hai naves, e non vivendas; en que era domingo. Todos os traballadores estarían analizando a  orixe da melancolía que impediu marcar a Messi no Clásico. Estarían mirando o parte diario de destrozos da pandemia.

Fun espertar ao Herdeiro no seu  cuarto. Estaba xogando unha partida de xadrez con algún lituano a través do móbil. Supoño que era lituano. El sábeo polas bandeiras. Nin sequera coñece os nomes reais. O seu bisavó materno tamén xogaba ao xadrez. Conservo un libro pardo composto por fichas que el usaba para marcar unha xogada. Metía a ficha nun sobre e cruzaba a rúa para botala no buzón amarelo de Correos. No tempo en que o bisavó da miña muller atravesaba a rúa o meu fillo xoga unha partida. O xadrez xa non suspende a vida. A vida unicamente cede paso aos incendios, ás pandemias ou ás guerras de 1936.

Agardaba unha ou dúas semanas a que o carteiro lle trouxese a resposta. Viña nun sobre branco que outro xogador lles remitira dende centos de quilómetros. O bisavó abría o sobre e anotaba a xogada do rival na súa copia da ficha marrón. Pensábao un día ou dous, cubría a ficha, metíaa no sobre,... houbo unha partida contra un médico de Soria que se lles liou coas torres e os alfís. Duroulles dunha primavera á seguinte. Daquela a vida e o caos tiñan outra esixencia e outro ritmo.

Sempre é cedo para erguerse un domingo
Comentarios