Opinión

Santos barrocos como combustible

Manuel Azaña foi o mellor escritor e o peor político da República. Era benintencionado, pero incapaz de comprender a España que lle confiaron. Os alcaldes do Bloque de Ribadeo poñen as gravatas máis  lucidas para encabezar a procesión do Xoves Santo. Deus nunca abandona un bo marxista.

Azaña sentenzou que "España ha dejado de ser católica". Era unha metáfora, como Deus é unha metáfora dos misterios do Universo; pero houbo que entendeu a frase literalmente e se botou a queimar conventos.

Cando non se coñecían os motivos do silencio do Papa Pío XII diante dos crematorios nazis Stalin, exseminarista, interesouse polo número de divisións de tanques que tiña o Vaticano.

Pero Azaña dicía "no es eso, no eso" cando lle contaron en 1931 que en Málaga prenderan fogueiras co barroco como combustible. El amaba a arte, que é unha cuestión relixiosa. Cinco anos máis tarde reflexionou: "El Prado es más importante que la república y la monarquía. Porque podrá haber más repúblicas y monarquías, pero las obras del Prado son insustituibles". A guerra do 36 foi un pulso a lume e ferro entre un conservador de museo e un xeneral resentido pola perda de Cuba.

Manuel Godoy, ministro de Carlos IV e Príncipe da Paz, tampouco entendera España. Arruinou o seu destino político cando prohibiu as procesións e as corridas de touros dictando un decreto con acento ilustrado ao seu secretario. Armáronlle  un motín en Aranxuez.

España non deixou de ser confesional naquel 1808 nin en 1936 nin vai deixar de selo aínda que a peste paralice o Ecce Homo dos Franceses, que impediu un Viveiro gabacho como quería Godoy. Esta Semana Santa España vai continuando ser católica. Aínda que sexa por internet.

Comentarios