Opinión

San Lourenzo bonito

SOLSTICIO de Verán, que outros chaman Xoán por consideralo santo, é un tempo interesante. Sube a temperatura, baixa a sardiña. Vivo para a xouba. Exprésolle o meu amor cun baño seco de fariña, unha suave sauna de aceite e unha férrea tixola. En Foz, polo San Lourenzo, regalábanchas no Porto Chico pasadas por unha grella. Fixeron o mesmo en Roma co propio santo no Campo di Verano. Agora é un cemiterio sobre o que pasan nubes, réquiems e lágrimas de estrelas. No Coliseo cadroume con Alberto Comesaña. Os baños cheiraban a xofre e carraspeos. Pareceume atrevido darlle a man. Hoxe tería abrazado o cantante de Semen Up. O tempo é a grella na que ardemos, pero tamén a escola na que aprendemos.

Onte adoptamos na casa un bonito de seis quilogramos. Alá foron cincuenta euros. Isa advertiunos na pescadería de que vai escaso. Ana usa sistemas de equilibrio contable. Mandoume buscar unha camiseta á tenda de R polo grautíto. Levamos máis de vinte anos sendo clientes desa empresa, polo que nolo agradecen cunha camiseta negra con letras en amarelo. As compensacións consumistas da miña muller non son un campo no que nunca me metería curtar flores de verán.

Ao entrar na tenda unha rapaza tan sorrinte como loira entregoume unha tapa. Unha tapa para tapar un vaso que me entregarían dentro. «Soamente por entrar». Pensei en saír e volver entrar, como cando non vai o ordenador. Os informáticos son anxos marxinais. Ignoramos en qué consiste o seu traballo, pero solucionan os nosos problemas. Lembrei os dous técnicos de Microsoft que sufriron un accidente de coche na autovía, en Becerreá. Miráronse, estaba ben. O coche non arrancaba. «E agora, que?», cuestiona un. «Saiamos e volvamos entrar”, propón o compañeiro.

Comentarios