Opinión

Salvamento e socorrismo con Pedro Campos

SALVADOR É un home sereno. Ten confianza na vida.Xa a tiña cando eramos nenos. Medramos a diferentes lados dunha parede medianeira. Foi quen me levantou o pano sobre a identidade dos Reis Magos, esa escenografía. El segue vivindo en Ribadeo, nunha casa mariña dende a que baixa ao muelle de Porcillán. Atopeino na terraza do Celta, tomando café, lendo o periódico. Contoume que  tiña o día emérito e que viñera pasear por Lugo. O seu pai montaba nunha Vespa branca que me parecía pop e bonita. Salvador viñera ata Lugo en moto. "Na volta pararei xantar en Vilalba".

Na seguinte casa, segundo se vai cara á estación de tren, criouse Caro. Hai océanos de tempo que non o vexo. Vivía na Coruña, nunha casa tan alta coma o pescozo de Victoria Federica. Estudou Arquitectura. Acabouna. Casou. Acabouse. Cáusame estraneza que unha persoa que nunca baixaba a garda de sorrir se divorciase. Cando arreciaban as malas noticias un irmán seu quixo salvalo e remarcou: «Caro navega con Pedro Campos». Eu asentín para non quedar de ignorante. Baixei a Porcillán para preguntarlle quen era Pedro Campos a Mikel. O meu irmán sabe de trigonometría e do vento que trae a Ribadeo o canto dos galos de Londres porque ten un barco de vela.

Telmo Martín presumía na radio de que o luns se lle colapsara a centraliña do Concello de Sanxenxo. Eliximos Eurovisión por whatsapp, pero creamos ao alcalde: milleiros de persoas telefonaron ao 986.72.00.75. Telmo Martín asegura que a xente enlouquecía a chamar «para solidarizarse» co compañeiro de Pedro Campos na regata. Ese apoio a quen regresa do luxo de Abu Dabi sobra. A obriga de cada persoa é reconciliarse co seu destino, aínda que ese destino sexa unha zarzuela que ti elixiches escribir e protagonizar.

Comentarios