sábado. 15.05.2021 |
El tiempo
sábado. 15.05.2021
El tiempo

O salto xenético en Lugo

A MIIÑA NAI, Itziar, é unha xenetista de primeira orde. Inventou o concepto salto xenético para explicar por que dúas netas súas teñen ollos azuis, cuspidos aos do seu pai e bisavó das rapazas.

A miña nai e os seus fillos temos os ollos castaños, ela explica que se produciu "un salto xenético" de tres xeracións. O meu avó materno era un señor ben guapo e ben acompañado por uns abrigos verdes longos de inspiración vienesa que lle cosía a miña avoa na posguerra. Sempre a xogo con sombreiros de Gorostiaga. Unicamente lle faltaban 20 centímetros ao alto e falar inglés para ser un galán de Hollywood. A miña nai asegura que todos os seus netos teñen rastros do bisavó.

Lembrei esta teoría de Itziar onte cando falei co fotógrafo Xulio Gil, que amou durante unha década a Xela Arias e foi amado por ela durante ese longo tempo.

O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín defende que os da provincia de Lugo somos prudentes e humildes no trato polo noso sistema de herdanzas. Ao quedar o maior con toda a herdanza, os irmáns consecutivos debían entenderse con el para evitar ter que facerse curas, soldados ou emigrantes na áspera e frutífera América. Como na provincia de  Ourense as terras se repartían, cada herdeiro podía manter con soberbia as súas leiras por cativas e ruíns que fosen.

Estiven por comunicarlle a teoría do salto xenético da miña nai a Gil. Itziar non é unha científica con formación xenética e basea na observación en vez de facelo no empirismo. A súa teoría pode perderse. Pero calei ante Xulio Gil. Prefiro escoitar os sabios. Xulio engadiu que os lucenses temos afán por ser distintos. "Nos anos 70 había xente de Lugo que facía triatlón ou trial". Agora temos campións como Esteban Basanta ou Jorge Prado nunha evidencia do salto xenético.

O salto xenético en Lugo
Comentarios