Opinión

O romance do Astorga

O MEU TAROT non acerta en todas as tiradas. A muller opina que nos chega ben de tazas e pratos no almorzo como para que eu despregue a miña baralla dun señor de Lugo, Ulises Sarry.

A interpretación de cada figura escribiuna outro señor, Álvaro Cunqueiro, de Mondoñedo. Saíume unha carta que me anunciaba que atoparía "un cómico na rúa que ten dous nomes".

Quedei tomar un café con Xoán Guerreiro no bar que fai esquina entre Bolaño Rivadeneira e a Rúa Nova. De repente, vin pasar a Quico Cadaval. Esquecera o augurio. Reparei en que, a partir dese cruce, a rúa pasa a chamarse Montevideo. Quico sentou onda nós. Alegroume porque o dramaturgo de Ribeira ensinoume a diferenzar os arcanos maiores dos menores. Cunqueiro era un devoto fervoroso das artes adiviñatorias. Amaba moitas cousas da vida. Unicamente odiaba os petroleiros, "modernos monstros mariños".

Acordei de Cándido, un mariñeiro de Ribadeo que andou en petroleiros. Cando Cándido era un rapaz, nos anos 40, xa tiña a mirada veloz e a carne magra e escura. Colleu fama de entrar en casas alleas e levar cousas que non eran súas. Cada vez que había un roubo a Garda Civil ía buscalo á casa. Facían a malla.

De mozo, Cándido enrolouse en petroleiros. Navegou no Astorga. Nos meses de terra paraba descansar en Ribadeo. Se lle cadraba nun bar con gardas civís levantaba o vaso de barrantes e empezaba a recitar a Lorca: "Pero la Guardia Civil/avanza sembrando hogueras,/donde joven y desnuda/la imaginación se quema". Cándido sabía de memoria ese longo poema. "Nos petroleiros estaba prohibido fumar e daquela non había televisor, Jaure. No camarote do Astorga soamente había un libro: Romance de la Guardia Civil Española".

Comentarios