Opinión

Roma pingando nun caldeiro azul

ÁS  VECES paseo por Lugo moi cedo ou moi tarde. Quero ver a cidade espida, sen panadeiros nin noctámbulos.

Onte fun ata a cabeceira de Quiroga Ballesteros para ter unha perspectiva de como será tras a peonalización. Mireina a rúa ao longo e limpa, sen o camión do matadoiro descargando torsos vermellos de xatos, sen Karpov transportando froita, sen Maracaibo empuxando os pés para avanzar.

Regresei á casa pola rúa Doutor Castro. Hai dúas ventás arqueolóxicas, dúas pranchas de vidro no chan. Permiten asomarse ao mosaico que pisaba un rico na súa vila dous milenios atrás. Nunha ventá puxeron un cubo que recolle pingas de condensación.

Lugo ten unha pésima relación coa Roma de provincias que foi. Paulo Fabio Máximo deixounos unha herdanza valiosa, pero poñemos cubos de plástico porque non sabemos xestionala. Dános medo camiñar e pincharnos coa espada dun soldado, dános preguiza volver conectar as pantallas do MIHL, provócanos perplexidade revisar os restos en caixas nos sotos do Museo Provincial.

O museo da romanización debería estar cumprindo cincuenta anos como lugar de argumentos sobre Lucus Augusti, como biblioteca sen libros para investigadores, como área para dar unha explicación  aos turistas tras o paseo polo adarve. Nin se proxectou.

O asunto levaba anos desaparecido ata que Balseiro propuxo que o cadáver de San Fernando fose reconvertido en parador de turismo. Sospeito que o sancibrense non falaba tanto por darlle un uso ao cuartel como por suxerir que el sería un bo candidato á alcaldía de Lugo. A proposta dirixíase ao interior do seu partido, que é para onde falan os políticos. 

A Historia non pasa de ser unha cadea de conspiracións, matanzas e silencios que interesa a catro melancólicos.

Comentarios