viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

Robe vai tocar no río

Sigo a carreira de Robe desde primeiro disco de Extremoduro. Soa con frecuencia diaria no meu Spotify, tanto  como os directos de Lou Reed. As cancións de Robe enumeran amores perdidos que o mancan.

O asunto non me interesa máis alá da leve nostalxia no primeiro café do domingo. Lembro a Rimbaud: "Cantos grandes amores soñei para min!". Facíame ilusión baixar ao Caudal Fest. Escoitaría os temas do último disco de Robe:  Mayéutica. A nai de Sócrates era parteira, maieuta. O filósofo pensaba que a verdade estaba en cada quen. O parto da verdade provócase con preguntas. No concerto vereime acosado por brazos erguendo móbiles. Renunciamos a vivir para dirixir unha película sobre a nosa vida que verán os nosos seguidores. Perdemos de vista do inmediato, tan emocionante. Pasan os anos. A ira segue dominándome. Non soportaría a actuación.

Falo coa cineasta de Lugo Iria Pin. A súa webserie, Amnesia 3.0, trata dunha sociedade que perdeu a memoria. A nosa sociedade carece de recordos que malgastar. Nin sequera coñecemos os sabores da primavera nin as letras místicas que cantan os paxaros. Son realidades imposibles de fotografar. A memoria é un gas púrpura que se mestura coa masa densa e viscosa do cerebro.

Lembro a Francis lendo as viaxes de Gulliver no autobús da Empresa Ribadeo que nos levaba á Portobello. Unha vez ao mes nos anos 80 viaxabamos á tenda de Jaime Manso, na Coruña, comprar os vinilos de Lou Reed. Coney Island baby, Transformer. Recordo o meu irmán lendo esa novela en inglés. De existir daquela os móbiles teríao fotografado nese autobús. Sabería que o título estaba en español.É o bonito da memoria. Neses anos eu non comprendía a letra de Coney Island baby: "Ela amábate pese a que sabía que estabas equivocado".

Robe vai tocar no río
Comentarios