Opinión

Un queixo baixo en sal

Compro queixo baixo en sal. É unha condea, falsa porque a salgadura altera o sabor. Son de tensión alta. Para ser reacio a todo movemento non me queixo da saúde. O meu destino era un trono, unha vida regalada e ausente de esforzo. Non superei a análise de sangue.

Estaba onte comprando un queixo bonito, pero triste de salgadura, a Lola. Apareceron tres estranxeiros. Souben que non eran do país porque andaban polos cincuenta anos e levaban monturas de gafas verdes e azuis. Tamén é certo que falaban baixiño, que é unha traza que marca proceder do norte dos Pirineos. Miraban e miraban os queixos, comentaban, lanzaban notas que os aparentaban expertos en leite callado.

Lola preguntoulles se querían comprar algo. "No hablamos español", desculpáronse. Púxenme de forza de intermediación. Pregunteilles, en inglés, se o falaban. Contestaron que soamente francés.Os galos sofren unha tara xenética que lles impide expresarse nunha lingua que non sexa a súa. Tocoume daquela ir explicando a elaboración e madureza de cada peza. Marcharon sen levar nada.

Os franceses deixáronos un código civil, a división en provincias e os borbóns. A maiores, o uso dos fungos nos queixos, un legado do císter; que non todo ían ser decepcións. La Razón publicaba unha enquisa que demostraba que o 73 por ciento dos consultados queren que o Emérito regrese a España. Eu, coma Winston Churchill, unicamente me fío das enquisas que manipulo. A pesar de que dubide do que publica Francisco Marhuenda, son partidario da repatriación. Deberíamos recoñecer a Juan Carlos I o seu papel na Transición, ese pacto de cinceiro compartido entre Suárez e Carrillo en tres horas de tabaco nun chalet da serra de Madrid. Calquera cidadán ten dereito a xuízo.

Comentarios