Opinión

O que non borra o amor

Na metade leste de Galicia podemos disfrutar dunha combinación de buses e amaños de Bla Bla Car

ESTABAMOS en Ribadeo. A miña filla quería ir a Pontevedra, onde actuaban Leiva e Iván Ferreiro. Sinto un certo amor pola música de ambos. Leiva paréceme un bo músico e Ferreiro, un bo compositor. Sinto admiración por vigueses cunha voz nasal que me desagrada. Tamén me pasa con C Tangana, tan acertado en ter estudado Filosofía, en ter construído unha icona consigo mesmo e en compoñer un magnífico himno para o Celta cedendo o micrófono a artistas galegos.

O acerto de Galicia coa música é paralelo ao seu infortunio coas súas vías de comunicación. Para atravesar o país en diagonal, é dicir, para ir de Ribadeo a Pontevedra, hai que dispoñer dun día libre e someterse a un variado cóctel de autobuses e trens. O tren, non todos vostedes o coñecerán, é un vehículo longo e azul que circula sobre dous ferros tendidos. Na metade oeste de Galicia hai moitos e funcionan con regularidade cómoda. Na metade leste podemos desfrutar dunha combinación de buses e amaños de Bla Bla Car, que a Xunta fomenta para que coñezamos outras persoas. Do Goberno de Madrid deixamos de ter noticias cando o socialista Pepe Blanco volveu de Europa e montou unha consultoría privada. Xa non nos acontece como na Idade Media, cando nos representaba Zamora nas Cortes; agora mandamos os nosos propios deputados, pero case prefiro que unha provincia de Castela leve a nosa voz á Carrera de San Jerónimo. Aforrariamos en tradutores.

Quitei o coche do garaxe, escuro e fresco, para levar a cativa a Santiago. Eu sei que na capital hai trens porque os colliamos hai corenta anos. Iamos divertirnos nas noites brancas de Vigo, na pleamar da Movida.

Sara e máis eu percorremos a combinación de estradas e autovías inacabadas cunha oscilación térmica de entre 38 e 39 graos. Pensei con cariño no inventor do aire acondicionado, un decidido amante da brisa. Sentíame conducindo un dos trens especiais que levan os condenados entre as cadeiras do Inferno. Dante cita os banqueiros e os indiferentes, os que carecen de opinión sobre os asuntos da vida.

Deixei a Sara na intermodal de Compostela e regresei a Lugo. Viñen tratando de acordar dos nomes dunha parella que vivía na rúa Chantada. Eu alugara un piso enfronte aos pais de Rubén Cela, concelleiro santiagués dende a eternidade. Ela era loira e sorrinte, non diría que guapa; el si que era atractivo e morenamente serio. Ela era notoriamente maior ca el. Durante o ano que nos cadrou cruzarnos na escaleira, el foi deteriorándose con intención, deixou de facer deporte e deixou barba. Ela vestía pantalóns vaqueiros e blusas brancas. Non deu soportado o que ela supoñía que pensabamos do seu amante novo. Deixouno. A min parecíame libre de amar a quen quixese. Ela coñeceu o Inferno, ese sitio incómodo no que vivimos estes días.

Comentarios