Opinión

Pólvora fina

Son seguidor da moda política. Falo de estética. Lara Méndez, Rubén Arroxo e Elena Candia baixaron ao Continente comprar mobiliario de cámping. Montaron tenderetes azuis e vermellos. Combinan coa chaqueta alcaldable. Eses postos de excursión recordan pavillóns de caza coma o que armaba o Marqués de Ombreiro cando andaba as fragas de Trasnarla coa escopeta de pólvora fina. Merendaba perdices con chocolate.

Achégome con inocencia a eses postos dos partidos. Faime ilusión que me dean empanada, pero recibo un folleto coa novena electoral. Fixan nese papel as medidas que aplicarán logo de ocupar o Pazo de Ferro Caaveiro. Leo dende a letra capitular ao punto final. Aínda non decidín o voto.

Gardo esa propaganda para montar un puzzle de compromisos. Lugo sería aínda máis bonito se cumprisen os programas. Quero anunciar aos lectores máis distraídos desta columna que, na xornada de reflexión anterior ás eleccións municipais do 2027, organizarei un itinerario. Percorreremos os lugares que os políticos  prometeron e non fixeron. Serán os xuramentos soterrados desta primavera, coma o amor voandeiro das anduriñas. As persoas que se apunten a acompañarme e mais eu suspiraremos imaxinando a cidade que están anunciando agora os tres candidatos.

Mentres agardo estes catro anos, son amable cos aspirantes. Atopei a Ramón Carballo na rúa da Raíña. Reveleille que estou seguro de que el será concelleiro desta volta. Dígollelo a todos os políticos. Contestou con sorna: "Eu tamén o creo, aínda que vaia no posto 35º da candidatura".

Pasada a campaña, poden darlle un segundo uso aos tenderetes. Servirían para tabernas romanas no Arde Lucus ou para facer sombra aos socorristas na improbable praia fluvial do Miño.

Comentarios