Opinión

O poderoso viño Sansón

A ÚLTIMA VEZ que me cadrou co padre Xesús Mato foi nos soportais da Praza Maior. Esquecín o ano, mesmo o día. Lembro os recurtes de luz triste retidos polos arcos. Mato díxome que me parecía ao Sansón da Biblia.

Esa referencia non era por ter derrotado un exército de filisteos cun queixo de burro nin por matar un león abríndolle a mandíbula. Facíalle graza que sempre levase o pelo curto, «como se estiveses condenado a unha mili perpetua». Sansón era un persoaxe importante para Xesús Mato. Aprendera a ler con 5 anos na etiqueta da marca que embotellaban os filos de Barceló en Málaga. Eu coñecía ese viño porque era o deleite das irmás solteiras do meu avó. Organizaban timbas de póker americano e fumaban ‘señoritas’ os sábados polo serán. Convidaban un parente falso e arxentino. A etiqueta dicía: «Sansón es una bebida singular, suave, dulce, aromática y muy versátil». Eu tamén aprendín a propaganda de memoria.


Non estou seguro, pero penso que foi aquela mesma tarde baixo os soportais cando me contou que o maior castigo que padecera no seminario fora provocado pola falta gravísima de falar en galego. Puxérano de xeonllos. Toda a comunidade pasoulle por diante nun auto de fe e humillación. Tardaría tempo en recuperar a dignidade. Ata 1972 o non empezaría a facer radio no seu idioma natural. Ese mesmo ano escribiu a canción Fuxan os ventos, que, ao cabo, deu nome a un grupo e agora vai demominar o auditorio de Magoi. A Ramón Carballo non lle gustou que Maite Ferreiro irrompese coa decisión a comisión municipal, pero comprende a dimensión da medida. Un acerto do Bloque. As instalacións seguirán inútiles, pero o auditorio Fuxan os Ventos recordaranos que fomos bautizados con viño Sansón e que medramos fuxindo de quen somos.

Comentarios