Opinión

O poder liberador dos altramuces

O DESTINO dun escritor consolidado son unhas obras completas. O destino dun escritor mediocre é figurar nunha antoloxía. Metrocles, un pensador interesante do século IV antes de Cristo queimou as súas obras completas recoñecendo que eran "imaxes soñadas e puras puerilidades". Hai expertos en literatura empeñados en catalogar narradores con ánimo de ferretería: feministas, republicanos, futboleiros. Xosé Manuel del Caño chámame cun criterio fluvial, para unha recompilación de autores do Miño. Del Caño moléstase en invocar aos autores, pedirlles un texto, aturalos e conseguir editorial. Todo polo brillo de fixar canon e ter convencido a 42 ánimas para que escriban gratuítamente por se algún día un teórico descubre o libro.

O destino dun intelectual depende da consideración do seu tempo. Metrocles asistía a unha lección do maxistral Teofrasto. Un aire formou un estrondo descomunal ás súas costas. Todos riron a gargalladas. Avergoñado, saíu correndo da academia para encerrarse no seu cuarto. Deixarse morrer de fame era o única porta para salvar a dignidade. Non entendo a necesidade de ser cruel co propio corpo. Crato acudiu a súa casa na mañá seguinte. Papara tres fontes de altramuces. Concentran gases no estómago. Liberounas en presenza de Metrocles para que entendese a pequena importancia do que os outros pensen sobre un e o ridículo de tomar en serio a súa frouxeira de ventre.

Eu teño melllor pelo que Álvaro Cunqueiro, pero a diferenza principal entre Cunqueiro e máis eu non é a cantidade de cabelos. Senón que el vai durar máis tempo sen ser esquecido. Eu agarrareime á memoria colectiva o que tarde alguén en considerar que a miña obra carece de interese mesmo para unha antoloxía fluvial. Por certo, o meu río é o Eo.

Comentarios