Opinión

Pixama

UNHA COLUMNA nunca se debe vestir con reinvidacións persoais. Resulta egoísta e ruín, pero hoxe non serei elegante.

Así que vou dirixirme ao Julio Comesaña por se algún dos periodistas que traballa para el na Consellería de Sanidade ten a deferencia de pasarlle este artigo.

O hospital de Lugo é unha marabilla; os sanitarios son profesionais e atentos, e o caldo parece levar sal por momentos. Pero, saiba, señor Comesaña, que teño reparos co meu pixama. A ver, que é cómodo e tapa as partes do meu corpo que menos me gustan. Pero a manga da chaqueta é francesa. Adoro Francia, unicamente me sobran os 67 millóns de galos e a manga francesa. Nunca entendín que deixasen a manga a metade do antebrazo. A ver, señor conselleiro, eu teño un brazo que cumpre as proporcións que estableceu Leonardo da Vinci.

Non entendo por qué cedemos ante a moda gala neste campo. A miña nai nunca cedeu. É unha muller delgada e loira. Unha vez, en Burdeos, entrou comprar uns pantalóns nunha tenda. Probounos. A dependenta preguntoulle, na súa lingua, se lle gustaban. "Es que me quedan flojuchos", queixouse ela nun español matizado. A rapaza que a atendía puxo cara de perplexidade. "Como no aprendan castellano les va a ir mal el negocio", advertiulle a clienta. Non lle minto, señor Comesaña.

Supoño que o sabe, pero se lle falo da chaqueta do pixama uso a palabra derivada da francesa jaquette. Era unha chaqueta sen mangas que usaban os labregos galos no século XIV. Como moitos deles se chamaban Jacques, jacques pasou ser sinónimo de agricultor. Isto aconteceu por volta de 1360. Francia evolucionou sensatamente en materia de mangas ata que Coco Chanel decidiu recurtalas nos anos 40. E eu teño frío nos pulsos, señor conselleiro.

Comentarios