Opinión

O piso piloto de Ana Pontón

CHOVE conservadoramente en Santiago. A mesa achocolatada, o café vigoroso e o jazz parisino camuflan o ambiente. Ana Pontón leva un peiteado garçon que afirma todo o tempo. Empeza a falar xuntando as xemas dos dedos, como para comprobar se as dúas mans miden igual. Logo esquece do idioma "politiqueiro" —cantaba Antón Reixa—. Gardarei a conversa entre os documentos reservados.

Cando o Bloque cambiou aqueles portavoces barbudos e fatigosos por mulleres con chaqueta que sorrían íntuín que gobernarán o país algún día. A líder nacionalista dáse un aire socialdemócrata e nórdico. O BNG nunca valorará o que Zara fixo por el, e non o digo pola visita a Marta Ortega, que tamén.

O luns Ana Pontón levou unha botella de aceite e outra de leite ao parlamento galego. Pensei que pasara polo Gadis antes do pleno a un recado de última hora. Deime conta de que era o mesmo xesto que fixera Fraga no Congreso en 1984, cando brandiu un paquete de garavanzos. Denunciou o seu prezo. Os deputados de Felipe burláronse del porque non comprenderon que non falaba para o BOE, senón para os cidadáns que teñen o catálogo das ofertas do Lidl como lectura na mesa de noite.

O PP acaba de descubrir o feminismo e o rock and roll. Está vivindo o seu Maio do 68 co entusiasmo de quen chega tarde. O Bloque responde coa economía: Inditex e a botella de leite. Ana Pontón montou un tándem equilibrado e versátil con Olalla Rodil. Boto en falta un equipo, sumarlle unha Ana Miranda para armar un goberno na sombra. Un goberno na sombra é un piso piloto, unha promesa do que farás na Xunta. Faltan dous anos para as eleccións. Presentar posibles conselleiros agora provocaría autos de danados na militancia, pero deberiamos coñecelos para o ano.

Comentarios