Opinión

Pilar de Lara chora por San Lourenzo

Como non podo pasear polas noites busco conspiracións na rede social Twitch. Un cazafantasmas de Roma descubriume que no Vaticano hai un telescopio bautizado como Lucifer.  Para quen non o coñeza, o Vaticano é coma Rábade, pero con máis curas por parroquia.

O Iker Jiménez de Twitch revelaba que ese telescopio foi chamado polo Papa Francisco. O pontífice fíase dos xesuítas. Un científico desa fracción eclesial, Guy Consolmagno, escribiu o libro Bautizaría vostede a un extraterrestre?. Se van chegar ao extremo de evanxelizar o satélite Gamínedes como non van dar un nome de Becelbú a un telescopio?

Hai quen bota a culpa aos xesuítas, coma se fixo historicamente. O Papa Gregorio XIII encargoulles reformar o calendario en 1578 e para iso lles erixiu a Torre dos Ventos. O telescopio Lucifer existe e está xunto a outros tres do Vaticano en Arizona, pero ese non pertence á Igrexa católica.

Os observatorios que sinalan as estrelas ás veces parecen responsables de que se apaguen. Acontece cos xornalistas, que son acusados como demos menores. A causa máis frecuente de fracasos entre políticos lucenses é Pilar de Lara. En segundo lugar van as derrotas electorais.En terceiro, a familia.

O exconselleiro do Bloque Fernando Blanco acaba de lograr que o Consejo General del Poder Judicial lle recoñeza o dereito a ser indemnizado como vítima da ambición procesal de De Lara cando era unha xuíza estrela. Pouco tardan as estrelas fugaces en caer coma lágrimas de San Lourenzo.

O escritor André Gide logrou a máxima desmesura da irreverencia con Os sotos de Vaticano. Escribiu nesa novela o xeito de coñecer a mentalidade dunha cidade na que nunca se estivera: "O primero que fago é visitar os cemiterios, os mercados e os tribunais de xustiza". 

Comentarios