Opinión

Patinadores austríacos

O NADAL comenza na miña casa cando saco a caixa coa escea dun lago nevado onde xogan uns patinadores. Este ano todavía non empezou o Nadal porque non me animei.

Cada mañá boto en falla os meus rapaces austríacos deslizándose polo xeo azul cos seus gorros vermellos e brancos.

O Nadal remata na miña casa cando a muller aburre da miña caixa negra da infancia e quita os patinadores.

Estes días son as néboas de Santa Lucía, pero onte quedei atrapado unha franxa de sol quentiño na praza da Soidade. Sentei ler que o Congreso empuxa adiante a lei de eutanasia. Aumentarán as nosas posibilidades de decidir o lugar e o momento de apagar a vida.

Os bispos van rezar para que se derrogue esa norma. As imaxes tamén deixarán de pasarlles polos ollos, pero eles delegan a decisión en Deus. Eu non. Tampouco se crean que as teño todas comigo. A miña veciña Ermitas puxo no estado de wathsapp o rogo Virxe de Montserrat salva Cataluña hai uns meses. Dende entón Gabriel Rufián abandonou a pose de apoiado na barra do bar. Empezou a facer política. A Ermitas funcionoulle. Dubido se unirme ao rogo bispal. O silencio administrativo divino debe interpretarse coma unha enmenda á totalidade da lei.

Conste que o deputado de ERC divírteme. A súa lingua lenta e voraz corroe os sabres oxidados da patria. Pero prefiro que facilite a fluidez do tráfico gubernamental no simulacro de fin do mundo que padecemos este 2020. En marzo fun consciente de que os poetas xa non morren polas febres altas e a soidade que provoca o desamor.

Os patinadores austríacos queren saír da hibernación e estaricar as pernas, pero este ano o sabor a cobre non se me limpa da boca. A tristeza atrincherouse no meu lago azul de Austria.

Comentarios