Opinión

Pasteliños de nata

AS CAFETERÍAS falaban do debate, da crispación. Esquecemos que a democracia contemporánea se formulou co periodista Marat desagrándose na bañeira e coa raíña María Antonieta descansando a cabeza sen comprender que o pobo se queixase da fame habendo pasteliños de nata. Liberdade, igualdade, barbaridade. O presidente do Goberno e o líder da oposición deben recriminarse. A xente que molla o croissant vendo a Ana Rosa farase a ilusión de que a súa opinión vale o mesmo. A democracia e os bares serven para que os repartidores de Seur e os funcionarios da Seguridade Social disfruten da súa quenda no Senado. Evítome o tazón amargo dos debates parlamentarios dende que falta Pablo Iglesias. Era Séneca ante Casado e Arrimadas. Aínda queda Espinosa de  los Monteros,  o único representante do Partido da Caza e a Pesca que non fala co intestino coma un ventríluoco.

Vendo os resumos pensei en Eva Cárdenas, que deixou A Coruña para mudarse a outro barrio de Madrid, deixou atrás un emprego por unha expectativa. Enfronte está o condutor que embestiu o acorazado Potemkim socialista cun Peugeot 407. O candidato da oposición ten as enquisas de cara. Tamén as tivo Albert Rivera. Agora intervén nos debates parlamentarios dende as cafeterías de La Florida, a súa urba de Madrid.

Anxo Lamelo convidoume a un café sen croissant. Contoume que o linde entre A Milagrosa e A Piringalla era o Camiño de Pipín. Como esa fronteira non tiña aduaneiros podías cruzala sen sabelo e quedar nun limbo legal. Eu pensaba que eramos iguais diante das normas. Comprobo que a alta maxistratura estudou os tomos legais de Aranzadi para aplicar a norma a outros. Advirten que eles non fan mudanza, que o nome de Tribunal Constitucional non debe lerse literalmente.

Comentarios