Opinión

Parede con parede

ATOPEI A FRAN Martínez baixo o arco da Porta da Estación. Diante do seu negocio de prendas e obxectos relixiosos. 

Nunca lle preguntei se cre. Tampouco se segue fumando. Non nos dá tempo porque o pasado ocupa moito sitio. Empezamos falando da actualidade; de Mallorca. Desafiaríamos a morte coa mesma insconsciencia se tivésemos 20 anos. Foi cando nos coñecimos. Daquela faltaban outros 20 anos para ter conciencia da mortalidade. A vida é un presente continuo ata que cumpres corenta e descubres que ela vai decidir por ti. Fran e máis eu durmimos parede con parede durante dous anos nunha pensión de Santiago. O seu irmán Carlos tamén andou por alí. Nunca ninguén conseguiu irritar a Carlos. Unha noite fóronselle o coche e o futuro.

Estiven onte recollendo unha trintena de camisetas que xa non me poño. Visto a diario camisetas, pero esa trintena ten lemas que xa non teñen sentido, pertencen a un eu que ocupaba menos ou eran lembranzas apagadas dunha viaxe. Fun gardalas no trasteiro para pechar con area e cal ese tempo.

Fran é da famila Batallón, pero non da parte que ten a Torre de Sarria. O pasado leva décadas dándolle oportunidades, pero un día caerá sobre o seu embigo. Todos miraremos ás Administracións, que deberían comprala e axeitala. Hai uns meses visitei a Torre da Caldaloba. Parecía preparada para que Jess Franco rodase unha das súas películas malísimas de terror. Cultura di que vai facer algo. Non esquezo Castroverde.

Máis arriba, ao fondo da Avenida da Coruña, cruceime con Miguel Fanego. Preguntoulle pola Vella Garda. As pernas de Quico de Sargadelos non lle deixan saír da casa, pero Ángel de la Vega pode dar conta duns percebes, dúas perdices e un coñac. A vida, ás veces, camiña de costas.

Comentarios